Monday 29 de April de 2024

O BNG reclama a actuación do Concello para evitar a instalación dunha antena de telefonía preto de núcleos de poboación


Os nacionalistas piden que haxa transparencia e información pública sobre esta infraestrutura

Fíxose público que unha empresa de telefonía móbil está interesada en alugar un predio entre a Deán e Palmeira, zona cunha densidade de poboación elevada, para instalar unha antena de telefonía. Concretamente a zona afectada vai desde O Caramecheiro en Ribeira até a Insuela en Palmeira, incluíndo núcleos como O Carballal, As Saíñas, A Revolta, A Carballa, etc. Algúns veciños e veciñas deses núcleos de poboación trasladou ao BNG a súa preocupación.

Os membros do grupo municipal, Luís Pérez e Cruz Rivadulla, xunto co responsábel local, Xabier Vidal, compareceron hoxe para explicar que a instalación dunha antena de telefonía preto das vivendas está espertando preocupación entre os habitantes da zona porque son coñecidos os efectos que teñen sobre a saúde ademais do seu impacto visual. A concelleira Cruz Rivadulla detallou que o que máis preocupa é a repercusión que poidan ter as ondas que desprenden os emisores de telefonía móbil, pero tamén a posibilidade de que as propiedades contiguas á antena non poidan construír vivendas ou se teña que expropiar algunha para facer camiño de construción e mantemento para a infraestrutura.

O portavoz do BNG en Ribeira, Luís Pérez, detallou que “a propia Organización Mundial da Saúde (OMS) adoptou o denominado principio de precaución e recomenda unha política de xestión de riscos aplicada en circunstancias cun grao de incerteza científica”.

Desde o BNG inciden en que non se opoñen a esta instalación pero si a que se instale a carón das vivendas e dos núcleos habitados. Segundo Pérez Barral, “hai alternativas suficientes para instalala nun lugar afastado das vivendas, sen que isto supoña problemas de cobertura, pero si beneficios ao chegar menor radiación electromagnética que poderían prexudicar a saúde”.

Por último, os nacionalistas póñense a disposición das veciñas e veciños para todo o que poidan precisar pero tamén reclaman a actuación do Concello de Ribeira para que informe á veciñanza dos seus dereitos e actúe diante da empresa telefónica para protexer as zonas habitadas.